Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Persoas - 2010

Cliente: Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia

Desenvolvemento do concepto creativo e aplicacións gráficas para a campaña da Secretaría xeral da Igualdade da Xunta de Galicia no Día Internacional Contra Trata de Persoas. Esta data constitúe unha das xornadas do ano marcada con vermello no calendario de todos aqueles organismos que desenvolven programas e labores de índole social. A Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia programa todos os anos unha serie de actividades de información e concienciación, que acompañan cunha campaña de publicidade dirixida ao groso da sociedade galega.

A campaña exposta tiña como obxectivo sensibilizar a toda a sociedade dun problema estendido e cotián, pero dirixido principalmente a todas aquelas persoas que de xeito activo ou pasivo son cómplices dunha cadea criminal con tentáculos moi alongados. A gráfica da acción puña de manifesto a facilidade con que estas mulleres están a disposición dos consumidores nun mercado en que a oferta se anuncia como diversa, e a mensaxe implicaba ao público obxectivo para incitarlle a non participar dunha práctica penada pola lei e que vai en contra dos dereitos humanos.

Os soportes desenvolvidos para a difusión da campaña foron gráficos na súa totalidade: programas de man para comunicar os relatorios das conferencias con motivo das xornadas, postais e carteis, estes últimos con difusión en toda a comunidade autónoma de Galicia.